viernes, 2 de enero de 2009

NOVA EDICIÓN DÁ FESTA DO BOTELO

Logo do ciclo de festas de Nadal, Aninovo e Reis, xa se anuncia a IX edición da festa gastonómica do Botelo. O sábado 17 de xaneiro é a data elixida para a exaltación do prato rei da gastronomía barquense.

As entradas para o xantar poden adquirirse desde o venres 9 ao prezo de 13 euros, que se mantén estable logo desde hai tres anos, na conserxería do Conservatorio de Música, polas tardes de 16 a 21 horas. Este ano cambia o emprazamento, será o pavillón polideportivo do IES Martaguisela o que acolla a celebración á que se agarda que acudan máis de 800 comensais. O menú, barquense polos catro costados, estará composto de botelo e chourizos con cachelos e repolo e, na sobremesa, a torta de roxóns, todo ben acompañado polo viño tinto da Cooperativa Xesús Nazareno do Barco, café e licores.

Antes do xantar terá lugar o acto do pregón e entrega da mención de honra. A partir das 13h30, no salón de actos do IES Martaguisela, o xornalista económico da Radio Galega Emilio Blanco Rodríguez, será o encargado de ler o pregón da IX Festa do Botelo. Logo farase entrega a Pura Rodríguez, da antiga Fonda Juanito, de San Roque, da Mención de Honra en recoñecemento a unha vida entre fogóns ofrecendo excelentes elaboracións de cociña tradicional no restaurante familiar situado no cruce de San Roque con Manuel Quiroga. O acto estará amenizado polo grupo de música tradicional da Escola de Música do Barco.

No hay comentarios: