martes, 27 de enero de 2009

INVESTIMENTOS PARA CREAR EMPREGO


O Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, avanzou hoxe que o Goberno galego publicará “de maneira inminente” a orde pola que “se establece a convocatoria pública de axudas para accións formativas dirixidas a sectores estratéxicos na situación sociolaboral da nosa Comunidade”, en concreto o téxtil, a alimentación, a madeira, a construción, e dentro do metal, preferentemente o sector da automoción. O titular da Xunta engadiu que esta orde introduce como principal novidade a posibilidade de “dar cobertura de custos salariais a empresas en relación coa caída do seu volume de negocio ou de actividade como consecuencia da crise”.

Asemade,o titular do Goberno galego ratificou o compromiso de licitar “un moi importante volume de obra pública” en 2009, superando os 2.000 millóns de euros, o que supón un importante incremento respecto a 2008. Este foi, á súa vez, indicou, “un ano extraordinario”, xa que superara tamén nun 30% o ano precedente en volume de licitación de obra pública.

O titular do Executivo autonómico formuloulles aos representantes sindicais que o obxectivo da Xunta é distribuír eses máis de 2.000 millóns de euros de licitación de obra pública en torno a catro eixes principais. En primeiro lugar, sinalou que o Goberno galego prevé destinar 842 millóns de euros ás infraestruturas do transporte, un capítulo no que en 2008 a Xunta se fixara o obxectivo de investir 600 millóns de euros, e que se superou ata os case 1.000 millóns.

O presidente da Xunta referiuse á segunda compoñente investidora como “a máis novidosa”, subliñando que o Executivo autonómico cifra en 490 millóns de euros “a previsión de licitación en materia de infraestruturas sanitarias”. Esta previsión de “extraordinaria relevancia”, ten que ver, consonte apuntou, co desenvolvemento do Plan Director de Infraestruturas Sanitarias, en concreto coa posta en marcha de dúas grandes actuacións de referencia, o novo hospital de Vigo e o novo hospital de Pontevedra.

No hay comentarios: